domingo, 12 de junio de 2016

ESTREA DOCUMENTAL MARIÑEIROS A MEMORIA DO SAL

O vindeiro martes 14 de xuño do 2016, as 20:30 horas no Auditorio Muncipal de Cangas, a Asociación procederá a estrea do documental "Mariñeiros, A memoria do sal", un documental desgarrador  no que a través de entrevistas a mariñeiros do Morrazo, podemos comprender algo que xa albiscábamos, ese traballo precisa tanto de coraxe coma de esforzo para sacalo adiante.
Relatos duros, emocionados, ricos en detalles que transportan ao espectador a cuberta dunha embarcación a piques de se afundir.Vivencias dos mariñeiros do Morrazo, que circundaron os mares de todo o mundo, e que merecen unha homenaxe
. . . .

Estades todas e todos convidados.




jueves, 2 de junio de 2016

MARIÑEIROS, A MEMORIA DO SAL. PRIMEIRA TIRADA.....

Ben, como se di o prometido é débeda.....

Onte,  xa con todo o libro corrixido, en Graficas Lasa de Padrón iniciaron a primeira tirada. Como non podía ser doutra maneira alí estabamos para comprobar que todo se axustaba ao que buscabamos. É un pracer ver como traballan atentos a cada detalle e informando en cada momento. Creo que o traballo se verá recompensado coa calidade da impresión.

Déixovos cunhas fotos da tarde de onte.






Agora toca esperar, hoxe quedará todo impreso a falta de encadernación, para a semana nas nosas mans..... Que ansia de telo xa....

viernes, 13 de mayo de 2016

MARIÑEIROS, A MEMORIA DO SAL. Finalizado o traballo de campo.

O traballo de campo deste proxecto, xa está finalizado, lembrar que comezamos a realizar fotografías de mariñeiros xubilados a principios de outubro de 2015, e finalizamos as tomas a finais de abril de 2016. Sete meses de traballo, durante os cales pasaron por diante dos nosos obxectivos un total de 182 homes de mar. 
Ademais realizáronse  35 vídeos  onde os mariñeiros relatan as súas vivencias.

Co total das fotografías, realizarase un libro, o cal xa se atopa na imprenta pendente da primeira tirada e revisión da mesma, que será seguramente a próxima semana.

Doutra banda os vídeos xa están en mans de Borja Brun para a realización do documental, que vos podemos adiantar estrearase o 14 de xuño de 2016 no Auditorio de Cangas.










Xa iremos publicando como transcorre todo.

martes, 15 de marzo de 2016

O NAUFRAXIO EN CABO HOME DO “CABO LA PLATA”




 

                Este ano, estamos a realizar un proxecto para render unha homenaxe aos mariñeiros da comarca que pasaron a maior  parte da súa vida no mar, todos eles con grandes vivencias e recordos, neste caso recuperamos un anaco de memoria dun veciño de Donón, que sendo neno, viviu á beira da súa casa o naufraxio dun mercante, o Cabo la Plata.
                O 2 de outubro de 1952, embarrancou o mercante español Cabo la Plata. Levaba carga xeral con tabaco, viño Sansón, motores Perkins, xabón, aceite, etc.  
                O cabo da Prata era un vapor mixto de carga e pasaxe,  fora botado en 1908 e, durante a Guerra Civil española fora requisado polos Nacionais, recuperando a compañía Ybarra  o buque no ano 1939.
                Procedía de Sevilla e fixera escala en Vigo , ao saír pola boca da ría e, debido á néboa, embarrancou ao sur do cabo Home, sobre os baixos Capeludos
                O seu capitán deu orde para que abandonasen o barco os 30 homes da súa tripulación dado que presentaban unha adega alagada, ademais da sala de máquinas polo que nada podían facer polo seu salvamento
                Ao ser imposible o reflotamiento do buque, durante varios meses instaláronse en Donón, uns barracóns que servían de aloxamento e servizo aos mergulladores que se atopaban traballando no despezamento do  barco.
                Nos traballos realizábanse voaduras con explosivos mergullados, as chalanas de pescadores situábanse a unha distancia prudencial e ao momento da explosión remaban rapidamente cara á zona para recoller todo o peixe que quedaba aboiado.
                Pero parece ser que ese non foi o único proveito que os veciños sacarían do naufraxio, xa que nos días posteriores ao mesmo, a recollida de mercadoría caída do buque era frecuente pola costa e a praia de Melide, din que mesmo algún carro de bois de Darbo foi ata a zona.
Unha fermosa historia do noso pobo mariñeiro.

Aquí véselle en Pasajes. Está lixeiramente no centro esquerda.

viernes, 26 de febrero de 2016

José Suárez. Un dos grandes fotógrafos galegos.





 Deixamovos cun vídeo-reportaxe sobre o gran fotógrafo galego José Suárez con motivo da exposición 'José Suárez. Uns ollos vivos que pensan', que se pode visitar na Cidade da Cultura do 13 de novembro de 2015 ao 27 de marzo de 2016.
Cabe lembrar que polo ano 1936, José Suárez realizou unha serie sobre Mariñeiros en Cangas e Bueu.
Posteriormente expoñeríase o traballo na Sala de Arte da Caixa de Aforros de Vigo (1967) e despois no Museo Arqueolóxico de Ourense(1971)
Podedes visitar o blog, onde figuran os diferentes documentos, textos, cartas, artigos, catálogos, fotos…  para un mellor coñecemento da obra e da persoa de José Suárez.

miércoles, 17 de febrero de 2016

Axenda 2016


Aínda estás a tempo de conseguir algún dos poucos exemplares que nos quedan da axenda "MARIÑEIROS 2016".
Por si non a coñeces, é de tamaño 10x15 cm, ideal.....
Ponche en contacto e dicímosche como conseguila

PROXECTO MARIÑEIROS


Queremos render unha homenaxe a través da fotografía e o audiovisual, a todos os mariñeiros do Morrazo, que actualmente se encontran xubilados, pero que durante gran parte da súa vida laboral estiveron lonxe da súa terra a bordo de pesqueiros ou buques mercantes, e tamén os que estiveron mais preto dela traballando na baixura.

Con esta idea motora do proxecto tratamos de  expresar a dureza da vida no mar, a través dos rostros das persoas e das súas mans tan curtidas, así coma coas súas testemuñas.

Crearemos un arquivo fotográfico o máis amplo posible, con fotografías desas persoas, tendo en conta que na actualidade cada vez son menos os veciños que se dedican a esa actividade, e á vez, facer unha recompilación de datos desas persoas tales como anos do primeiro embarque, barcos, artes, mares ou caladoiros, compañeiros cos que traballaron, postos ocupados abordo, así como a súa mellor e peor experiencia.

Realizar un arquivo de vídeos con entrevistas a distintos mariñeiros, nos que narren as súas experiencias no mar.

 Con todo ese traballo, editarase un libro, e un documental, ao mesmo tempo que se realizará unha exposición fotográfica.