martes, 15 de marzo de 2016

O NAUFRAXIO EN CABO HOME DO “CABO LA PLATA”




 

                Este ano, estamos a realizar un proxecto para render unha homenaxe aos mariñeiros da comarca que pasaron a maior  parte da súa vida no mar, todos eles con grandes vivencias e recordos, neste caso recuperamos un anaco de memoria dun veciño de Donón, que sendo neno, viviu á beira da súa casa o naufraxio dun mercante, o Cabo la Plata.
                O 2 de outubro de 1952, embarrancou o mercante español Cabo la Plata. Levaba carga xeral con tabaco, viño Sansón, motores Perkins, xabón, aceite, etc.  
                O cabo da Prata era un vapor mixto de carga e pasaxe,  fora botado en 1908 e, durante a Guerra Civil española fora requisado polos Nacionais, recuperando a compañía Ybarra  o buque no ano 1939.
                Procedía de Sevilla e fixera escala en Vigo , ao saír pola boca da ría e, debido á néboa, embarrancou ao sur do cabo Home, sobre os baixos Capeludos
                O seu capitán deu orde para que abandonasen o barco os 30 homes da súa tripulación dado que presentaban unha adega alagada, ademais da sala de máquinas polo que nada podían facer polo seu salvamento
                Ao ser imposible o reflotamiento do buque, durante varios meses instaláronse en Donón, uns barracóns que servían de aloxamento e servizo aos mergulladores que se atopaban traballando no despezamento do  barco.
                Nos traballos realizábanse voaduras con explosivos mergullados, as chalanas de pescadores situábanse a unha distancia prudencial e ao momento da explosión remaban rapidamente cara á zona para recoller todo o peixe que quedaba aboiado.
                Pero parece ser que ese non foi o único proveito que os veciños sacarían do naufraxio, xa que nos días posteriores ao mesmo, a recollida de mercadoría caída do buque era frecuente pola costa e a praia de Melide, din que mesmo algún carro de bois de Darbo foi ata a zona.
Unha fermosa historia do noso pobo mariñeiro.

Aquí véselle en Pasajes. Está lixeiramente no centro esquerda.